miércoles, marzo 17, 2010

o estado da autonomía

O debate de onte deixou o de case sempre: Feijóo non é quen de explicar o seu proxecto de goberno, chegando algúns a sospeitar de que tal non existe. Aymerich é quen mellor se prepara estes temas e o carallo é bo orador, aínda que onte ben puido ter un pouco máis de mordente nos temas de actualidade que máis dano poderían facer. O "Desván de los Monjes" e a mentira na que cacharon ó conselleiro con ese tema, os custes da viaxe da noiva de Feijóo ó Vaticano, que non se sabe aínda se foron costeados pola diócese compostelana ou por todos os galegos, o negacionismo da realidade no tema do galego e da "internacionalización" das empresas que tanto paro provocan, etc. E por último Pachi Vázquez, que fala de pena, que non convence nin ós seus e que está máis perdido aínda que o mesmo Feijóo. O seu papel como "quenta cadeiras" do ministro de Xustiza ou o de Fomento perdeu todo sentido onte. Este home non vale nin para iso. Polo menos, debera falar dunha maneira que se lle entendera e que prevera o que lle van respostar. O tema de Zarrias tíñao doado, pero nin con esas.

Pola miña parte so me queda recoñecer a intelixencia de Feijóo en controlalos tempos. Rematar o seu discurso cunha frase de Castelao traducido ó castelán foi un golpe de inxenio que lle permitiu quedar como un home moderado, culto e aberto. E ademáis brindoulle ó nacionalista unha muleta para que embestise. Se Aymerich tivera seguido o twitter de Galicia Confidencial sabería de antemán que a cita proviña dunha traducción de Blanco Amor e que a trampa estaba servida. Fronte ás poutas de Aymerich, el ofreceu a amabilidade do escritor ourensán.

Podería alguén terlle lembrado que Blanco Amor era homosexual e de esquerdas, que morreu na indixencia e que se burlaba das clases empresariais e emprendedoras de Vigo ás que chamaba "sardinocracia". Non era nin galeguista nin nacionalista, non é o modelo de galego que quere nin o Bloque, nin o Pp, nin, por suposto, o centrista Feijóo. Pero seguro que Blanco Amor tería disfrutado do seu protagonismo involuntario.


Eduardo Blanco Amor. Guapo era un rato largo
 
Free counter and web stats