viernes, febrero 19, 2010

grupúsculos

Cando apareceu Galicia Bilíngüe ninguén tomouna moi en serio. Un pequeno grupo de fanáticos que non tiñan representación e que defendían cousas tan absurdas como que un rapaz teña o dereito de non acadar obxectivos impostos pola Consellería de Educación relativos á adquisición de habilidades lingüísticas. O vello problema de decidir se se pode aprobar a un rapaz que coñece datos da historia, pero que escribe "istoria", resolvíase, no caso do galego, nun absurdo plumazo. Cando acudían a argumentos tan carnais como que unha nai é mestra, enfermeira, psicóloga, mártir e virxe, ¿quén podía dicir que non? Polo menos a nosa nai foino. Aínda que isto supuxera que podían decidir qué é o que os fillos deben aprender ou non, os medicamentos que deben tomar, ou a carreira que deben de estudar. Argumentos insostibles e paixoais, pouca representatividade e creación de necesidades nas que ninguén reparara ata entón.

A responsabilidade dos medios en lle dar as a Galicia Bilíngüe é evidente. Que unha señora queira que o seu fillo non sexa ensinado en galego, non é unha noticia reseñable nin antes nin agora. Que haia mil en Galicia entre máis de 375.000 alumnos, tampouco. Onde está a maioría silenciosa?

Algo parecido a esta estratexia está a acontecer dun tempo a esta parte. Máis concretamente dende o tempo en que apareceu unha asociación de presuntos profesionais da Enxeñería que tanto falan das obras de humanización, como do Ave, como da fusión das caixas, como das obras ilegais que se realizan no porto de Vigo ou ó día seguinte descubren un día que os mínimos que cobra Aqualia son abusivos. Os promotores deste novo grupúsculo foron expulsados das súas asociacións anteriores, así que montan outras novas dende as que poder autorepresentarse como posuidores da verdade sacada das entrañas.

Que Aqualia cobra de máis é certo, que é unha vergoña o do porto, tamén, e que o Ave vai lento sabémolo dende que Fraga e Porro decidiron que a Vigo vendría un tren de segunda; que o alcalde esaxera cos asistentes ás manifestacións ou que as obras son molestas non son argumentos ningún deles mellores que defender que os coches máis caros deberan de poder correr máis pola carreteira, que o solo debera de ser máis barato ou que a actual crise non é inmobiliaria. Mesmo son argumentos parecidos a dicir que cando a xustiza actúa na nosa contra faino porque nos ten unha manía inxustificada, que o incumplimento masivo da lei debe levar a cambiar ésta ou que Rosa díez é "unha luz de esperanza". Vivir na auga provoca ablandamento cerebral.

O que é realmente preocupante é o espazo concedido nos medios a estes persoeiros que non so non aportan nada que non se diga na barra do bar, senón que ademáis aparecen investidos da seriedade e profesionalidade que se lles supón cando alí aparecen. E logo hai quen ten clarísimo a culpa da crise dos medios.

==========================

Actualización: Este grupo, dentro da estraña estratexia que manteñen, e coa complicidade dun medio en concreto, non dubidan en ciscarse na representatividade democrática das institucións do Estado e propor unha alternativa de escuros intereses económicos. Nin podo entender porque lles fan caso nin en qué mente calenturienta pode caber a lóxica dese razoamento.
 
Free counter and web stats