lunes, enero 25, 2010

por opinar que non quede

Logo haberá quen queixe de que internet está cheíño de porcalladas, de listiños con blog e de persoalidades enfermizas que despotrican contra todo o que se move. Pero é que é lóxico. Non hai na rede nada que non haia fóra dela, pero aquí coa diferencia de que é gratis e que sempre haberá quen lle lea a un. E se non que llo digan á Asociación Profesional de Ingenieros, unha desas cousas ás que parece que hai que facer caso porque sí. Non din nada intelixente nin aportan nada, pero saen na prensa. Agora din que no porto nin hai peixes nin bañistas, ergo non é necesario facer estudo medioambiental se un quere enchela de pedra, de ferro ou de calquera outra cousa. Sabios é o que son, sentido común e deixarse de milongas é o que necesita Vigo, sí señor.

Claro que é mellor esta necedade que dicir que o señor xuíz é un monicreque ás ordes do Psoe ou que Caballero se alegra da paralización do recheo precisamente porque non dixo nada. Outros razoamentos do tipo de que noutros sitios se fan cousas peores, ou que, aínda que sexa unha obra nova, é máis pequeniña que a anterior, tampouco valen cando hai unha normativa aprobada no tempo que transcorreu entre unha e outra.

Quizás non estean acostumados a ser tratados como cidadáns normais, pero cando un defende un punto de vista ante un xuíz, ha de ter coidado co que se di, non vaia ser que meta máis a pata. E sempre podería ser que no Ministerio pensen que a obra que se puxo a facer Corina sen se encomendar nin a deus nin ó demo, sexa a mesma que a do 2002 e non esta nova. Total, os papeis son todos iguais, e xa se sabe que a Perly non distingue moito entre eles.
 
Free counter and web stats